Axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025

Normativa: Resolución do 29 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (DOG nº 236 do 14/12/2022)  VI483A (concesión inicial) e VI483B (renovación).

Persoas beneficiarias e requisitos:

Persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

  1. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
  2. Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
  3. Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.
  4. Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.
  5. Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.. O límite será de 4 veces o IPREM. no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM. cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %
  6. Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.
  7. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

  1. Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non teren a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da unidade de convivencia.
  2. Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.
  3. Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
  4. Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

Contía e duración das axudas:

  • Axuda do 50 % da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.
  • A contía da axuda determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que se incremente, aínda que renda aumente ao longo da duración do contrato.
  • Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50 %. Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80 % do total da renda, cando esta inclúan vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúan vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúan vivenda, garaxe e rocho.
  • A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e posteriores anos deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da última renovación concedida. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.

Lugar de presentación:

A solicitude e documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

As solicitudes deberán dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda obxecto do contrato.

Prazo de presentación: Comezará o 2 de xaneiro de 2023 e rematará o 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.