Axudas a menores de 35 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Normativa: Resolución  do 1 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. (DOG nº 154 do 12/08/2022).

Persoas solicitantes:

  1. As persoas que adquirisen a súa vivenda con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, sen prexuízo do sinalado no seguinte parágrafo.
  2. Aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención ao abeiro da Resolución do 13 de xaneiro de 2021 pola que se convocan as axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (VI435A) (DOG núm. 8, do 2 de febreiro), e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Requisitos das persoas solicitantes e da vivenda:

  • Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
  • Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da convocatoria.
  • Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
    • Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
    • Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
  • Ter subscrito a partir da data sinalada na convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
    • Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da CA de Galicia de menos de 10.000 habitantes.
    • Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 euros.
    • Que se trate dunha vivenda xa construída, admitíndose tanto as vivendas novas como as usadas.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da solicitude, para o caso de que a adquisición fora realizada con anterioridade á data da publicación da convocatoria.
  • Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  • Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
  • Que nin a persoa solicitante nin calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.

Contía das axudas: Será de ata dez mil oitocentos euros por vivenda (10.800 €), co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

Prazo de presentación de solicitudes: Rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.