Axudas do programa Iniciativa Xove.

Normativa:

Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023. (DOG nº 22 do 1/2/2023) BS306B.

Obxecto: Cofianciar a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da CA de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2023, coa finalidade de fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Áreas de atención prioritaria:

  1. Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade probar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
  2. Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
  3. Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.
  4. Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
  5. Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
  6. Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector TIC.
  7. Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.
  8. Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.
  9. Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
  10. Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

Proxectos subvencionables:

Subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2023.

Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €

Os gastos ordinarios de funcionamento das entidades só serán subvencionables cando estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, non poderán superar nunca o cinco por cento ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

Será subvencionable a adquisición de equipamento e material non inventariable.

Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

Beneficiarios e requisitos:

1.Os grupos informais de mozos/as que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozos ou mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, asumindo un deles o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. As persoas que os compoñan deberán estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á CA de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
  • Que o grupo teña unha denominación que o identifique.

2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións que as conforman. Deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Prazo de solicitude: Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde. Ata o día 1 de marzo de 2023.

Lugar de presentación: As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal