Axudas económicas a través do Programa de Respiro familiar para coidadoras/es de persoas con dependencia ou discapacidade

Normativa

Orde do 26 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2021. (DOG nº 23 do 4/2/2020)

Obxecto

Ademais da modalidade Respiro en residencia, o programa de Respiro de persoas coidadoras subvencionará a prestación de servizos de atención e coidado no propio domicilio da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade, a través da modalidade Respiro no fogar co obxecto de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das/os coidadores e mellorar calidade de vida de todas as persoas implicadas.

Modalidades

  1. Respiro no fogar, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.
  2. Respiro en residencia, para financiar estadias temporais en centros residenciais da CA de Galicia.

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 30 de novembro de 2021.

Persoas beneficiarias

Aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Requisitos para acceder á subvención

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

  1. Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
  2. Que a persoa a que se atende presente calquera das seguintes situacións:
    1. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
    2. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.
    3. Que a persoa a que se atende presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Modalidade Respiro no fogar

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo, que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención.

Contía da axuda:

Pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación da epígrafe anterior cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación xustificativa.

Modalidade de Respiro en residencia

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

Contía da axuda:

Consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación anterior cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano.

A  axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación xustificativa.

Prazo

Ata o 30 de setembro de 2021.