Axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma -TR341R

NORMATIVA: Orde do 5 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma e se convocan para o ano 2023. (DOG nº 95 do 22/5/2023)

OBXECTO:

Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial. As axudas irán dirixidas a:

  • Contratación dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo Concilia I)
  • Contratación dunha persoa traballadora para apoiar á persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo Concilia II).
  • Gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023 (bono autónomo Concilia III).

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES E CONTÍA:

Bono autónomo concilia I

  1. A contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o seu período de descanso de maternidade, paternidade, adopción ou acollemento
  2. As contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.
  3. O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.
  4. Nas contratacións a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo do convenio colectivo ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

Bono autónomo concilia II

  1. A a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
  2. As contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, cunha duración mínima de seis meses que cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior se inicien entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023.
  3. O importe da subvención será de 500 € por mes completo, segundo a duración da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. O importe máximo a percibir será de 6.000 €.
  4. Nas contratacións a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo do convenio colectivo ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

Bono autónomo Concilia III

  1. Será subvencionable o 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade, ata un máximo de 3.000 €.
  2. No caso de que o beneficiario do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, quen indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.
  3. Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado do fillo ou filla polos cales obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022.. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

Bono autónomo coidado de persoas maiores ou dependentes

  1. Subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.
  2. Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023. A contía máxima que se percibirá será o 75 % do custo do centro ou do servizo.

Os tres tipos de axudas reguladas nesta orde, bono autónomo Concilia I, Concilia II e Concilia III serán compatibles entre si.

LUGAR DE PRESENTACIÓN: Obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Desde o día seguinte á publicación no DOG ata o 29 de setembro de 2023.