Axudas para a conservación, mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

Normativa

Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (DOG nº 54 do 22/3/2021)

Obxecto

Financiar actuacións de rehabilitación de edificios e/ou vivendas ao abeiro do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018–2021.

Requisitos das actuacións

Deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva e nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996 e constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas arrendatarias, no momento de solicitar a axuda deste programa.

Actuacións subvencionables

Para fomento da conservación:

  1. As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
  2. As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.
  3. As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

Para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade:

  1. A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
  2. A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
  3. A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
  4. A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
  5. A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
  6. Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
  7. Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

O prazo de execución non poderá exceder o 30 de novembro de 2021.

Persoas e/ou entidades beneficiarias

  1. As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.
  2. As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
  3. As agrupacións de persoas propietarias.
  4. As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Ata o 22 de abril de 2021.