Axudas para a contratación e formación por conta allea de menores de 30 anos.

Normativa

Orde do 26 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Emprega Xuventude de incentivos á contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. (DOG nº 69 do 9/4/2019)

Obxecto

Facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade a través de axudas ás empresas para a contratación e formación por conta allea.

Tipos de axuda (compatibles)

  1. Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial e a temporal cunha duración mínima inicial de doce meses das persoas desempregadas mozas menores de 30 anos.
  2. Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Entidades beneficiarias

As persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na CA de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Programa de bonos de contratación-Liña de axudas para incentivar a contratación por conta allea

Incentivos

  1. As contratacións indefinidas iniciais: 6.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos contratada que cumpra os requisitos. No caso de contratacións na modalidade de fixos-descontinuos a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.
  2. Para as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses: 3.000 euros por cada persoa desempregada menor de 30 anos que cumpra os requisitos mencionados no artigo 21.
  3. As contías establecidas nos puntos 1 e 2 incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
  • Se é unha empresa con máis de 50 persoas traballadoras e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70 %.
  • Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais e ás temporais cunha duración inicial mínima de doce meses que se celebren desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019 con persoas desempregadas menores de 30 anos.

Requisitos

  1. A persoa desempregada pola que se solicita a subvención á contratación ten que ser menor de 30 anos e estar en situación de desemprego no momento do inicio da relación laboral.
  2. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo e neto da empresa, no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.
  3. Os incentivos previstos neste procedemento serán de aplicación a todas as modalidades contractuais de carácter temporal a tempo completo que se realicen con persoas mozas (engadir contrato formación e aprendizaxe).

Documentación

Solicitude (anexo I-A)

  1. Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante, de ser o caso.
  2. Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación cunha duración mínima de 12 meses, máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.
  3. Declaración do cadro de persoal neto de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada (anexo I-B).De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.4 da orde de convocatoria.
  4. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola cal se solicita subvención (anexo I-D) e nómina do mes de contratación.
  5. Comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo I-E).

Programa de bonos de formación-Programa de financiamento de accións formativas no centro de traballo

Accións subvencionables e requisitos

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

  1. A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos.
  2. A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e dunha duración mínima de 50 horas no caso dos contratos temporais, de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
  3. Exclúese deste tipo de axuda a formación nas modalidades de teleformación e a distancia.
  4. A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2019.
  5. Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Lugar de impartición das accións formativas

As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.

Contías dos incentivos

Incentivarase, no caso das contratacións indefinidas inicias cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal inicial de doce meses e que en ambos os dous casos cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Lugar de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Prazo

  • As solicitudes de axudas polas contratacións por conta allea subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2018 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
  • As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
  • O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2019, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.