Axudas para a mellora da eficacia enerxética e da seguridade e accesibilidade en vivendas

Normativa

Extracto VI422E, programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, con carácter plurianual. (DOG nº 38 do 26/2/2020)

Obxecto

Convocar as seguintes axudas de rehabilitación previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021:

  1. Liña A, axuda ao fomento de mellora da eficacia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.
  2. Liña B, axuda ao fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

Requisitos das actuacións

Para poder ser subvencionables, as actuacións deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva e nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996 e constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas arrendatarias, no momento de solicitar a axuda deste programa.

Actuacións subvencionables da liña A), para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidades das vivendas

  1. A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluíndo a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.
  2. A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes.
  3. A instalación de equipos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda.
  4. As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros de protección contra o ruído (DB-HR)
  5. As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros de salubridade (DB-HS)

Actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

Para fomento da conservación:

  1. As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
  2. As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.
  3. As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

Para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade:

  1. A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
  2. A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
  3. A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
  4. A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
  5. A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
  6. Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
  7. Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

Contía das axudas

A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 %, cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, se na unidade da convivencia hai unha persoa con discapacidade.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG (ata o 26 de marzo de 2020) e rematará no momento de esgotamento do crédito orzamentario.