Axudas para a obtención dos permisos de condución clases B, C e D da mocidade galega inscrita no SNGX

NORMATIVA: Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B, C e D á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 155 do 13/8/2021).

PERSOAS DESTINATARIAS E REQUISITOS:

Persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

  1. Ter cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil.
  2. Estar empadroadas na CA de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
  3. Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da CA de Galicia.
  4. Ter o/os permiso/s de conducir para o/os cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de decembro de 2021 e a data de presentación da solicitude, ou estar en disposición de obtelo.

CONTÍA DA AXUDA:

  • 400 € para a obtención do permiso de condución de clase B.
  • 650 € para o permiso de clase C.
  • 1.300 euros para o permiso de clase D.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de dous ou dos tres permisos.

DOCUMENTACIÓN: Xunto coa solicitude terán que presentar:

  1. Autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/os carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido. Esta xustificación debe conter a data de obtención do permiso, que debe estar no intervalo entre o 1 de decembro de 2021 e a data de presentación da solicitude.
  2. O/os certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima exixida, no caso de que a última variación do padrón sexa inferior a un ano.
  3. Anexo II (certificado da autoescola ou centro de formación que reflicta a data da matriculación para a obtención do/dos permiso/s de conducir obxecto da solicitude).
  4. Anexo III (cuestionarios relativos aos indicadores de produtividade e de resultado inmediato).

PRAZO: Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG. Ata o 28 de outubro de 2022.