Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos para o ano 2023.

Normativa: RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 11 do 17/01/2023).

Obxecto: Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2023 para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas (código de procedemento MT402A).

Actuacións subvencionables:

a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.

b) Remate, renovación e/o substitución do acabamento exterior de cubertas.

c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.

Importe da subvención:

O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 € por solicitante e ben.

Persoas beneficiarias:

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención as persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o que pretendan realizar algunha/s das actuacións establecidas no ordinal segundo da presente resolución.
2. Só caberá presentar unha solicitude por persoa e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.
3. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a plena dispoñibilidade destes, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no punto 19º.

Forma e prazo de presentación das solicitudes:

 As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa rematará o 30 de setembro de 2023.