Bono das persoas autónomas.

NORMATIVA: Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.  (DOG nº 16 do 24/1/2023).

BENEFICIARIAS:

  1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
  2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
    1. Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, que non fose beneficiaria con anterioridade desta axuda (procedemento TR341Q) e que non presentase nesta convocatoria outra solicitude como persoa autónoma individual ou societaria.
    2. Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
    3. Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2021 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

SUBVENCIÓN DO BONO DO AUTÓNOMO: Poderase conceder o bono para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta do beneficiario.

LIÑAS DE ACTUACIÓN:

Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes investimentos:

  • Compra de maquinaria.
  • Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
  • Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
  • Compra de utensilios e ferramentas.
  • Reforma do local do negocio.
  • Equipamento informático.
  • Equipamento de oficina e/ou negocio.
  • Rótulos.
  • Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
  • Deseño de marca.

LUGAR DE PRESENTACIÓN: Obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Iníciase ás 9.00 horas do día 25 de xaneiro de 2023 e remata ás 9.00 horas do día 29 de setembro de 2023.