EN TOQUES HONRAN AS LETRAS GALEGAS XOGANDO AO TENIS

O TORNEO INFANTIL PECHA A PROGRAMACIÓN ESPECIAL POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Esta programación iniciaba a súa primeira actividade o sábado a partir do mediodía co II FESTIVAL LINGUAFOLK NO CAMIÑO PRIMITIVO, que congregou a dez grupos de música dinamizadores da música tradicional galega e a centos de persoas que se deleitaron coa música, o xantar, incluso cunha curtametraxe, os bailes, as risas e en definitiva folclore ao máis puro, era do que se trataba, festexar a cultura galega a golpe de música durante máis de oito horas.

A programación especial continuaba o domingo, non un domingo calquera, foi 15 de Maio, San Cidre Labrador, case nada, e por se fose pouco Santa Columba das Pías (en Codesoso, Sobrado dos Monxes). Dúas xornadas festivas que se recordará a súa coincidencia no 2016 e ambas relacionadas coas andainas, camiñatas e/ou peregrinacións. Os máis aventurados, realizaron a procesión a San Cidre desde Paradela e unha vez rematado, dada a proximidade continuaron a camiñata ata As Pías (máis de 20 quilometros).

O concello tamén tiña preparada para tal día, e para compensar os escesos do Linguafolk, unha andaina ata As Pías desde Souto, pasando pola fervenza, ida por volta. En total eran vinte quilómetros, os cales soamente cinco aventureiros realizaron o percorrido durante cinco horas de duración incluindo a parada técnica nas Pías e disfrutar da gastronomía galega. En definitiva tratábase de exaltar a cultura e lingua galega, desta vez camiñando.

Tras o descanso do luns, o martes houbo xuntanza infantil e xuvenil no Polideportivo de Souto para festexar as letras galegas, e sendo nunha instalación deportiva, non podía ser doutra maneira que facendo deporte.

Houbo un torneo de tenis de categoría infantil e xuvenil, no que trece participantes (catro femias e nove varóns) disputaron nesta actividade en dúas categorías. Pero o resultado tampouco era o importante, ainda que foi moi emocionante xa que o desenlace final era impensable, houbo sorpresas. o importante era honrar as letras galegas facendo deporte, porque non. Entón ademáis dos 25 partidos que se xogaron, dos premios e regalos que levaron os participantes, eles tiveron a oportunidade de conseguir un premio extra mediante un xogo no que tñan que empregar as letras do abecedario galego.