III Gala de Patinaxe. Concello de Toques. Modalidade de Baile

O vindeiro Sábado 14 de Abril terá lugar en Toques a III Gala de Patinaxe (modalidade de bailes grupais) a cargo dos participantes nas Escolas deportivas de patinaxe dos concellos da comarca ou clubes. Así, estarán presentes os concellos de Boimorto, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Oroso, Sobrado dos Monxes, Vilasantar e Toques, o cal desde o Servizo de Deportes organiza o evento para darlle continuidade as galas que desde hai catro anos teñen lugar nalgún dos concellos que participan nos eventos desta modalidade deportiva.

O evento comezará ás 17:00 horas e previsiblemente terá unha duración aproximada de dúas horas e media, xa que un total de 20 grupos, ou o que é o mesmo 20 bailes serán representados no Pavillón Polideportivo de Souto. O primeiro deles correrá a cargo dos integrantes máis novos da Escola deportiva local, e sucesivamente os diferentes grupos irán entando e saíndo para realizar cadansúa exhibición en modalidade de baile.

Espérase que ata o pavillón de Toques (a entrada será de balde) se acheguen moitos acompañantes para contemplar a demostración dos/as pupilos/as, que traerán preparado un baile onde amosan as habilidades adquiridas co paso do tempo. Así que a espectación está garantida.