Tarxeta Benvida: axuda económica para as familias con fillos e fillas nados no ano 2020

Normativa

Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2020 e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 12 do 20/01/2020)

Obxecto

Concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2020 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2018 e 2019, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías da ampliación desta axuda.

A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Persoas beneficiarias

1. Persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

  1. Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
  2. Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.

2. As galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2020.

3. Poderán beneficiarse da ampliación aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 €, ou non accedesen a ela por superar os ingresos previstos, nas respectivas convocatorias do ano 2018 e 2019 e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas. O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2020 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Requisitos

  1. Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Considerarase cumprido este requisito co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
  2. Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. De ser superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €. *
  3. Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.
  4. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2020 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.
  5. Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda do 25%.
  6. Estar en situación de especial vulnerabilidade téccnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais e ter un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución, para percibir a axuda un ano mais.
  7. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
  8. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda con fins adoptivos, non pode volver solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

* Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración da renda do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

Contía da axuda

  • 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes, con carácter xeral.
  • 2.400 € a razón de 200 €/mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o terceiro/a ou sucesivo/a.

Ampliación da axuda: as familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito á axuda no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

  1. 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
  2. 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.
  3. 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Prazo de presentación de solicitudes

Dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS.