Toques ven de poñer en marcha este servizo para atender á demanda na comarca. Xunto con Melide, Arzúa, Santiso, e Vilasantar suman esforzos para dar resposta ás necesidades da poboación de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. O servizo, gratuíto, contará con tres profesionais: psicólogo/a, logopeda e terapista ocupacional.
Este servizo terá a súa sede en Toques, cunhas completas instalacións ubicadas no Edificio Multiusos (Lugar de Souto) na praza do velorio. Existen dúas vías principais para contactar co equipo de coordinación do servizo, ou ben telefónicamente 672 167 721, ou ben escribindo ao enderezo electrónico atenciontemperatoques@gmail.com
As nenas e nenos de ata 6 anos que padezan trastornos no desenvolvemento ou se atopen en risco de padecelos contarán dende setembro cun servizo de atención temperá posto en marcha de forma conxunta polos Concellos de Melide, Arzúa, Santiso, Toques e Vilasantar. Estes concellos xuntaron esforzos a través dun convenio polo que optaron en conxunto ás subvencións autonómicas nesta materia.
A atención temperá engloba o conxunto de intervencións orientadas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á contorna desta, co obxectivo de atender as necesidades derivadas de trastornos de desenvolvemento ou do risco destes. Estas intervencións procuran o desenvolvemento da autonomía e a consecución da súa inclusión social, tanto a través da atención das necesidades transitorias como das permanentes.
O servizo contará con tres profesionais cos seguintes perfís: psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. O seu horario de funcionamento será de luns a venres de 9h a 14h e de 16h a 18h. Todo o servizo será gratuíto, e prevese a súa entrada en funcionamento ao longo do mes de setembro.
Serán as e os pediatras os que deriven aqueles/as pacientes que requiran deste servizo ao mesmo. Con este fin, desenvolverán os diagnósticos correspondentes e, no caso de confirmar a sospeita sobre a existencia dun trastorno, derivarán o menor e á familia ao equipo correspondente.
Os alcaldes dos cinco concellos tomaron contacto en Toques co equipo de coordinación do servizo.