TOQUES XUNTA ESFORZOS CON CONCELLOS DA CONTORNA PARA DAR RESPOSTA ÁS NECESIDADES DE ATENCIÓN TEMPERÁ Á INFANCIA

O Concello de Toques asinará con Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar un convenio para optar de maneira conxunta ás subvencións autonómicas destinadas a prestación de servizos de atención temperá durante 2022

 

TOQUES, 9 de marzo de 2022.-  O Concello de Toques sumará esforzos cos concellos veciños de Melide, Arzúa, Santiso e Vilasantar para asinar un convenio destinado a optar conxuntamente ás subvencións autonómicas para a prestación de servizos de atención temperá.

O Concello de Toques optará por esta modalidade de concorrencia conxunta para a xestión compartida das axudas para cumprir axeitadamente coas bases da convocatoria, que só establecen a xestión individual en concellos con máis de 10.000 habitantes. A orde reguladora foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 27, do 9 de febreiro do presente ano.

O Alcalde, José Ángel Penas García, sinala que este servizo de valoración e detección dunha infraadquisición das habilidades  no desenvolvemento infantil así como a  programación de intervención individual e interdisciplinar é imprescindible no Concello de Toques, onde ano tras ano aumenta o número de matriculados e matriculadas no seu CEIP.

A atención temperá engloba todas aquelas intervencións destinadas á poboación infantil entre 0 e 6 anos, así como á súa familia e contorna, que procuran responder a posibles necesidades de nenas e nenos con trastornos de desenvolvemento ou con risco de padecelos. Búscase desenvolver a súa autonomía e inclusión social, atendendo tanto necesidades transitorias como permanentes.

Estas axudas subvencionarán a prestación de servizos de atención temperá entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro do ano vixente.