Normativa
Obxecto
Convocar, no ámbito da CA de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación para un total de 1.800 prazas nas unidades de competencia que se indica no anexo I e cun total de 6.475 unidades de competencia, entre outras, nas seguintes cualificacións profesionais:
- Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 300 prazas.
- Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 250 prazas.
Requisitos de participación no procedemento
- Posuír a nacionalidade española; atoparse incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
- Ter 20 anos feitos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de niveis 2 e 3.
- Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:
- No caso de experiencia laboral: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3 xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria .Para as unidades de competencia de nivel 1, xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.
- No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.
- Non estar matriculado nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita.
- Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicita, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicita.
- Non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita.
As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante a documentación sinalada no artigo 8 da orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.
Prazos de inscrición no procedemento
20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Ata o 27 de decembro de 2019.
Lugar de presentación
- Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica, https://sede.xunta.gal. , empregando calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./chave365).
MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS.