Acción de verán 2024

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema O teu mellor verán, a Campaña de Verán de 2024 da Xunta de Galicia oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia. Prazo de presentación de solicitudes:  desde o 17 ao 30 de abril. Programa Campamentos
  • Campos de voluntariado en Galicia (abre o prazo o 17 de abril), noutras comunidades autónomas (abre o prazo o 2 de maio) e no estranxeiro (convocatoria aberta ata esgotar prazas)
  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.
  • Programa “Conecta con Galicia” para a mocidade galega do exterior.
  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.
  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades e grupos de persoas mozas non asociadas.
  • Actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos (novo). Este novo programa, que promoverá un ocio educativo, alternativo e saudable, está dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos. Terá lugar en cinco instalacións de toda Galicia, en quendas de xoves a domingo, concretamente nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz-Balneario e no albergue montañas de Trevinca (A Veiga). A información deste novo programa estará dispoñible proximamente.

O Diario Oficial de Galicia publicará a oferta de campamentos o vindeiro 16 de abril. A partir do día seguinte —do mércores 17— e ata o 30 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar praza. Os campamentos deberán solicitarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mentres que os campos de voluntariado faranse a través dun formulario na páxina web de Xuventude.