O día non era o idóneo para ficar moito tempo no Polideportivo de Souto, pero aínda así máis de un centenar de persoas, ademais dos participantes, achegáronse ata Toques para contemplar de cerca a evolución e a práctica de deslizamento sobre rodas das suas fillas e fillos.
Pódese dicir, que triunfou a patinaxe en idade escolar, xa que 172 nenas e nenos, representaron aos seus concellos nesta gala. Os participantes procedían das Escolas Deportivas dos concellos de Boimorto, Cerceda, Curtis, Frades, Mesía, Oroso, Santiso e os locais de Toques.
O evento non era competitivo, todo o contrario, supoñía unha oportunidade para moitos dos participantes de asistir a unha gala de exhibición de patinaxe, na que as persoas entre público presente puideron dar fe de que o deporte en idade escolar supón unha actividade real en todos os concellos e que motiva aos participantes a practicar cos seus compañeiros, co apoio incesante dos seus familiares e co interés entusiasta e sensible que mostran os monitores e técnicos municipais.
Todo esto mostrouse visible e estivo patente durante as dúas horas que durou a gala aproximadamente e para premiar a actitude participativa, solidaria, enriquecedora e agradable dos nenos e nenas que o sábado estiveron en Toques, foron repartidas medallas e uns doces para que non marcharan de balde, tras o espectáculo ofrecido.










