A Subida a San Cidre 2024 remata de xeito satisfactorio

Amencía chovendo e non parecía que fose a parar, aínda así non foi suficiente como para suspender as carreiras programadas. A primeira delas deu comezo tras o pistoletazo co Alcalde de protagonista. Trinta e catro participantes, algúns repetían outros estreábanse, pero unha vez presentes non rexeitaron percorrer os case 13 quilómetros (13 K) con grandes rampas e desnivel acumulado importante, “…o percorrido é duro..” comentaba algún participante asiduo en trails deste estilo; ou “… por un momento pensei que estaba correndo por un río… para a próxima, repito” transmitía outro participante.

Despois foi o turno dos cativos e da mocidade, faltaban moitos pero todos xuntos eran máis dos que contaba o Trail Running de curta distancia. Foron catro pistoletazos máis os que daban inicio a outras catro carreiras para menores cuios percorridos transitaban, en parte, polo campo de fútbol, que coa auga presente facían o terreo pesado para correr, pero a pesar de algunha caída sen lamentación e una empapadura considerable, hai que felicitar a estas promesas do atletismo galego.

Xusto tras o remate da derradeira carreira dos máis cativos, chegou o primeiro clasificado dos 13 K, un arzuán, e xa van catro gañadores diferentes en outras tantas edicións da Subida a San Cidre. Alberto Villamor empregou algo máis de 54 minutos, nun percorrido diferente ao plantexado na anterior edición. A primeira clasificada, Soniña Franco de As Pontes, empregou case unha hora e cuarto para culminar con éxito a carreira.

En líneas xerais, o evento deportivo foi de gran satisfacción para participantes e organización. Moi importante é a labor que realizan os voluntarios, a aportación das firmas esponsorizadoras e o traballo dos empregados do Concello, sen esquecer a actuación de todos os/as participantes, maiores e menores, os cales foron os protagonistas dunha xornada deportiva.

Agora esperar ata a edición do 2025, pola que xa se está a traballar.

Máis fotos en carreirasgalegas.com e no Facebook do Concello de Toques

 

PALMARÉS DA SUBIDA A SAN CIDRE