Axudas a menores de 35 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes – VI435A

Normativa:

Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se procede á convocatoria das axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 para o ano 2023. (DOG nº 26 do 7/2/2023) VI435A.

Requisitos das persoas beneficiarias e da vivenda:

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.
  2. Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da convocatoria.
  3. Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
    • Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
    • Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
  4. Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:
    • Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da CA de Galicia de menos de 10.000 habitantes (tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo IGE na data de entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro).
    • Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 euros.
    • Que se trate dunha vivenda xa construída, admitíndose tanto as vivendas novas como as usadas.
  5. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.
  6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  7. Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
  8. Que nin a persoa solicitante nin calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias aquelas que tendo presentado unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda, ao abeiro de convocatorias inmediatamente anteriores, lle fose denegada por esgotamento do crédito previsto.

Contía das axudas: Será de ata dez mil oitocentos euros por vivenda (10.800 €), co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

Lugar de presentación:

  • Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
  • Tamén se poderán presentar presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Prazo de presentación de solicitudes: Comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG.