Axudas para a posta en marcha de casas niño

Normativa

Orde do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021. (DOG nº 146 do 1/8/2018) BS403C

Obxecto

Regular a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da CA de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, e convocar as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto de casas niño durante os anos 2018, 2019, 2020 e 2021.

Características do proxecto piloto

  1. A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. Deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
  2. Desenvolverase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos, e un mes cada doce, no cal a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
  3. Salvo as excepcións contidas no punto anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.
  4. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña (quentar alimentos), a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. Serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene (cueiros, toalliñas, cremas etc).
  5. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/a profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias o mes, ou parte proporcional ao período de desenvolvemento do proxecto no suposto da anualidade 2018, en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
  6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas, sen que poida haber, en ningún caso, máis dun neno/a con estas necesidades por casa.

Beneficiarias e requisitos

As persoas físicas que se establezan como empresarias/os autónomas/os e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

  • Técnico/a superior en educación infantil.
  • Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
  • Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
  • Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
  • Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou telo feito con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer dela con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

Tipos de axuda e contías

1. Para gastos de investimento: subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

2. Para desenvolvemento do proxecto piloto: achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina. Este importe minorarase proporcionalmente no ano 2018 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Lugar de presentación:

Prazo de presentación das solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte da publicación da orde no DOG. Ata o 3 de setembro, por ser o primeiro día hábil.

MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS.