Bono coidado para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares

NORMATIVA: Orde do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. (DOG nº 126 do 4/7/2023)

OBXECTO:

Regular a concesión e convocar axudas económicas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023.

Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:

  • Do 1 ao 6 de xaneiro.
  • Os días 20, 21 e 22 de febreiro.
  • Do 3 ao 10 de abril.
  • Do 22 de xuño ao 8 de setembro.

PERSOAS BENEFICIARIAS:

Os/as pais/nais e titores/as de nenos/as de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen nos supostos seguintes:

  1. Que o neno ou nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita a axuda.
  2. Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares. Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente e, nestes casos, cada pai/nai deberá presentar unha solicitude individual.
  3. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

GASTOS SUBVENCIONABLES:

Os seguintes gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, nos supostos previstos no apartado anterior e realizadas entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023.

  1. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Consideraranse tamén as ampliacións horarias de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade no que se refire á dita ampliación.
  2. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
  3. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
  4. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

TIPO DE AXUDA E CONTÍA:

Consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións. A contía máxima da axuda será:

  • De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
  • De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

LUGAR DE PRESENTACIÓN: As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

PRAZO: Comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e finalizará o día 15 de setembro de 2023.