Bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables

NORMATIVA: Resolución do 4 de xullo de 2023 pola que se convocan subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. (DOG nº 136 do 18/7/2023)

PERSOAS BENEFICIARIAS:

  • Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da Risga da Xunta de Galicia ou do IMV do Goberno de España.
  • Tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:
    1. 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nesta.
    2. 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.
  • Os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar.

CARACTERÍSTICAS DO BONO DIXITAL:

  1. O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.
  2. O bono dixital permitiralle ao solicitante unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.
  3. O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes dela.
  4. O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:
    1. O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.
    2. O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.
    3. Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados.
  5. Non son obxecto desta axuda outros servizos que a entidade colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso (voz, televisión, etc.). Sen prexuízo de que os usuarios poidan contratar os ditos servizos de forma adicional.

FORMA DE PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE: Se ben as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes  a través do formulario normalizado, Anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou ben de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, recoméndase a presentación telemática a través dunha persoa autorizada, como pode ser o persoal dos servizos sociais comunitarios.

PRAZO: Comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta relación e rematará o 15 de novembro de 2023.