Bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables.

Obxecto: Establecer as condicións polas que se rexerá a concesión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables e regular a inscrición das entidades colaboradoras que participarán na promoción da contratación e instalación das conexións da internet de, cando menos, 30 Mbps a través do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa ÚNICO-Bono Social) previsto no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro) e enmarcado no investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Persoas beneficiarias:

  1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da Risga da Xunta de Galicia ou do IMV do Goberno de España.
  2. Tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:
    1. 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nesta.
    2. 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.
  3. Os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  5. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar, entendéndose por unidade familiar:
    1. A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese:
      • 1º. Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes.
      • 2º. Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
    2. Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

Características do bono social:

  • O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.
  • O bono dixital permitiralle ao solicitante unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.

Forma de presentación de solicitude:

As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo: Comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas (24/11/2022) e rematará o 16 de decembro de 2022.