Estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas.

Normativa

Resolución do 12 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regula e se convoca para o ano 2019 o Programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas. (DOG nº 63 do 1/4/2019)

Obxecto

Facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.

Prazas e duración

Convócanse ata un máximo de 90 prazas, cunha duración de entre 7 e 10 días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.

Condicións económicas

Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.

Requisitos das persoas beneficiarias

  1. Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.
  2. Non convivir con parella afectiva.
  3. Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
  4. Que os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente.
  5. Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

Prazo

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Ata o 2 de maio de 2019, por ser o día 1 inhábil.

MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS.