Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos

Normativa

Orde do 20 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2019.  (DOG nº 65 do 3/03/2019)

Persoas beneficiarias

  • Persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1.1.2016 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2017, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
  • Serán igualmente beneficiarias polas fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.
  • Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

Enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na normativa do IRPF, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

Contía da axuda

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

  • Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
  • Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
  • Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Prazo de presentación:

35 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Comezará o 4 de abril e rematará o 28 de maio de 2019 (ambos os dous incluidos)

MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS.