Programa de minicampamentos ‘Coñece Galicia’

A Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia pon en marcha, neste ano 2023, a cuarta edición do programa “Coñece Galicia”. Trátase dunha iniciativa lúdico formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres, e que sirve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

DESTINATARIOS: “Coñece Galicia” está dirixido a nenos e nenas empadroados/as en Galicia que teñan entre 10 e 14 anos no momento de asistencia á quenda de actividade elixida.

PRAZAS: O número total de prazas dispoñibles é de 600, que se distribúen en 30 quendas de entre 18 e 23 prazas e en 12 programas e instalacións diferentes.

COBERTURA: O programa inclúe:
» Aloxamento de luns a venres. A asignación de cuartos será de libre disposición, o que supón que haberá que compartir os que sexan múltiples.
» Manutención completa dende a cea do luns ata o xantar do venres.
» Programa de actividades e equipo técnico responsable, así como o material preciso para o seu desenvolvemento. No suposto de mal tempo levaranse a cabo actividades alternativas.
» A cobertura das actividades NON inclúe os desprazamentos (nin de ida nin de volta) entre o punto de partida e o lugar onde se desenvolven as actividades.

COMO REALIZAR A INSCRICIÓN: A reserva da praza efectuarase a través do formulario electrónico de inscrición, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, no apartado de “Acción de Verán”. O formulario xerará un correo de confirmación das quendas solicitadas, que en ningún caso significa a confirmación da participación, senón a recepción do formulario. Admítese unha única solicitude por persoa participante, na que se poderá escoller ata un máximo de 3 quendas diferentes de programas.

PREZO: O prezo de aplicación para este programa é de 25 euros/día de conformidade co regulado na Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Polo tanto, todos os programas teñen un custe total de 125 euros, salvo que sexan de aplicación os descontos contemplados na normativa, que serán os seguintes:

» 50% para membros de familia que teñan o título de numerosa. Prezo final: 62,50 euros.
» 50% para familias que teñan o certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental expedido pola Consellería de Política Social e Xuventude. Prezo final: 62,50 euros.
» 25% para as persoas usuarias do Carné xove. Prezo final: 93,75 euros. Para poder aplicar o desconto a persoa beneficiaria deberá ser titular do Carné xove, vixente e activado, no momento de efectuar o pagamento.

PRAZO DE INSCRICIÓN: O prazo de inscrición comezará o día 12 de xuño ás 12.00 horas e finalizará 5 días antes do inicio de cada actividade, salvo no caso de que se esgoten as prazas.

MÁIS INFORMACIÓN NOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS E NOS SEGUINTES TELÉFONOS:

981 545 822 –  981 545 937  – 981 545 702