Subvención para promoción e consolidación do emprego autónomo.

NORMATIVA: Orde do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (DOG nº 16 do 24/1/2023).

OBXECTO: Concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

PERSOAS BENEFICIARIAS E REQUISITOS:

Persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

  • Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
  • Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.
  • Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios da AEAT, modelo 036 ou 037).
  • Que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.
  • Que non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da CNAE. Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

CONTÍA DA AXUDA:

  1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.
  2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que pertenzan a algún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
    1. Persoas menores de 30 anos.
    2. Persoas desempregadas de longa duración.
    3. Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia.
    4. Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.
    5. Persoas maiores de 55 anos.

    A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

    1. Se a persoa incorporada é unha muller.
    2. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
    3. Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e) do punto 2 anterior).
    4. Se a persoa incorporada é emigrante retornada ou estranxeira
    5. Persoas trans.
    6. Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de se aplicaren todos os incrementos, sería de 10.000 €.

LUGAR DE PRESENTACIÓN: Obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Ata o 29 de setembro de 2023.