Subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas

NORMATIVA: Orde do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024. (DOG  nº 186 do 5/05/2023)

ACTUACIÓNS QUE SE SUBVENCIONAN: 

1.Adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido, coa finalidade de favorecer que os desprazamentos urbanos e interurbanos se realicen de xeito que se reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro e de contaminantes, e menos ruído, polo menor uso do coche, á vez que supoña unha mellora da saúde dos usuarios dos modos non motorizados polo exercicio físico, e tamén a dos que se benefician dunha menor contaminación ambiental e acústica.

2.Adquisición de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, para facilitarlles ás persoas con mobilidade reducida unha opción de mobilidade alternativa aos medios motorizados que presente unha relativa analoxía coa efectuada en bicicletas eléctricas. As bicicletas de man son dispositivos que, unidos a unha cadeira de rodas manual, transforman a súa tracción en eléctrica, e posibilitan deste xeito moverse con maior rapidez e salvar obstáculos, ao incorporar un motor e unha batería que permiten unha autonomía aproximada de 50 km. Configúranse como unha opción alternativa de mobilidade para persoas con mobilidade reducida ao lles facilitar a realización dunha tipoloxía de percorridos equivalente á que se pode efectuar cunha bicicleta eléctrica.Esta bicicletas deberán poderse axustar de forma sinxelá á súa cadeira de rodas como unha terceira roda, o que lles permitirá subir costas e realizar a maior parte dos seus desprazamentos diarios sen necesidade de acudir a un medio motorizado, e acadarán así unha maior independencia e autonomía persoal.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da adquisición.

CONTÍA MÁXIMA DAS AXUDAS:

Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido que cumpra os requisitos técnicos, cos seguintes límites:

  • Beneficiario/a xeral: 500 €
  • Beneficiario/a integrante dunha familia numerosa: 600 €
  • Beneficiario/a integrante familia numerosa con categoría especial: 700 €

No caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas o importe máximo da axuda será de 700,00 euros.

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para unha persoa beneficiaria xeral, do 60 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa con categoría especial ou adquirentes dunha bicicleta de man.

LUGAR DE PRESENTACIÓN: A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Comezará ás 10.00 horas do día 1 de xuño de 2023 e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.